As Xornadas Interdisciplinares de Xeografía Ambiental, xurden dentro do
programa "Aula Aberta" da
Facultade de Historia, a iniciativa do profesor Miguel Ángel Álvarez Vázquez, da Area de Xeografía Física. Teñen finalidade principal: completar e/ou
complementar a formación no campo da Xeografía dos alumnos e alumnas do Grao en
Xeografía e Historia. O programa que xira en torno á
Xeografía Ambiental, pero dende diferentes puntos de vista. Aínda que o centro
das xornadas son os alumnos e alumnas, estas creáronse con finalidade
divulgativa, por ese motivo queremos invitar a sociedade en xeral a asistir,
cumprindo con esa función primordial de xeración e, sobre todo, transmisión do
coñecemento que debe ter a Universidade.
Cun cartel de luxo falaremos
de Xeografía e Ambiente os días 16 e 17 de decembro no salón de graos do
Edificio de Facultades, agora Vicente Risco. Expertos en diferentes campos de
coñecemento formularán cuestións sobre a interacción natureza-sociedade.
PROGRAMA
Luns 16/DEC/2013
16:00 h.
O delito ambiental: unha
perspectiva social.
Isabel Alonso (Universidad
de La Laguna).
17:00 h.
Cazadores de metais:
buscando contaminación.
Inmaculada de la Calle
(Universidade de Vigo).
Martes 17/DEC/2013
16:00 h.
Tribos do leste de África.
Formas de "posuír" a Terra.
Marcos Vecín (EVOLUSEUM,
Santa Cruz - Bolivia).
17:00 h.
Como mellorar o
aproveitamento forestal en Galicia.
Alberte Piñeiro, Gustavo
Amann e Xermán Darriba. Diálogos03
(Asociación de Bolseiros da Fundación Pedro Barrié de la Maza).
Isabel Alonso é Diplomada en Educación Social, Licenciada en
Pedagoxía e Doutora en Psicoloxía pola Universidade de La Laguna. Como
educadora social traballa en contacto coa realidade cotiá de adolescentes de
estratos sociais pouco favorecidos. A súa Tese Doutoral, que leva por título
"O impacto das atribucións e as normas no comportamento anti-ecolóxico
ilegal", xira en torno á percepción que a sociedade en xeral ten do delito
ambiental e os comportamentos derivados. Egresada da Facultade de Educación
volve a Ourense para ofrecernos un punto de vista social nestas xornadas.
Inma de la Calle é Licenciada en Química e Doutora pola
Universidade de Vigo, especializada en Química Analítica. A súa liña de
traballo consiste no desenvolvemento e optimización de procedementos de
preparación de mostra e técnicas de preconcentración para a análise de metais a
niveis traza en mostras ambientais (chans, auga, material vexetal...). É unha
das poucas persoas en España que traballou en profundidade coa Fluorescencia de
Raios X por Reflexión Total (TXRF), unha técnica emerxente. O grupo de
investigación ao que pertence foi etiquetado pola prensa como "cazadores de metales nocivos" (La
Voz de Galicia, 06/11/2011) ou "rastreadores
de metales que mejoran la calidad de vida" (Faro de Vigo, 05/02/2012).
Marcos Vecín. Biólogo de formación, rematada a súa carreira
foise a vivir entre xentes dos países aos que chamamos "en vías de
desenvolvemento". Nunha primeira etapa en Bolivia encargouse, entre outras
cousas, do deseño e montaxe do Museo da Evolución de Santa Cruz (EVOLUSEUM),
proxecto que a día de hoxe mantén e dirixe. De Bolivia trasladouse a África
onde traballa como guía en safaris fotográficos, alí coñeceu de maneira directa
a forma de vida de tribos como os Turkana, os Samburu, os Masai ou os Hadzabe.
Divulgador nato, é autor do blog "MIGRACIONES.
Viajes. Voces. Vidas. " Onde conta as súas experiencias en mundos que
ás veces parecen moi afastados. Achega a estas xornadas un punto de vista
eminentemente vivencial.
A reunión Diálogos03 celebrada o pasado 27 de abril, xorde por iniciativa da
Asociación de Bolseiros da Fundación Pedro Barrié de la Maza, reunindo a
expertos en ordenación territorial, xestión e industria forestal. O resultado
foi un amplo informe que reúne dez puntos con propostas viables para mellorar a
xestión forestal en Galicia, que achegan a estas xornadas un punto de vista
integrado dende diversos ámbitos de coñecemento. Acompañarannos tres
ex-bolseiros da Fundación Pedro Barrié de la Maza: Alberte Piñeiro (Enxeñeiro de Montes; Xefe do Distrito Forestal IV
- Barbanza, da Xunta de Galicia), Gustavo
Amann (Enxeñeiro Industrial, Banco Popular) e Xermán Darriba (Arqueólogo)".