16 sept 2013

Coñeces BIComún?


Mañá luns 16 de setembro inaugurase na Sala Alterarte do Campus de Ourense a exposición Coñeces BIComún?, promovida pola Facultade de Historia e executada pola asociación Niquelarte e a empresa Xeitura, en colaboración cos creativos Xarda e Arispunk. Esta mostra da continuidade ao programa “Coñeces?...” iniciado o curso pasado co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense, co obxectivo de achegar á comunidade universitaria en particular, e a calquera persoa interesada en xeral, o patrimonio cultural e natural inmediato ó campus e mellorar o recoñecemento social destes lugares, activando as engrenaxes para o seu estudio e conservación. Nesta edición, pretende afondar na falta de participación cidadá na xestión patrimonial propoñendo esta outra categoría de protección colectiva que xa ocupou a Praza Maior no mes de xullo e que foi presentada ao novo alumnado de Historia este mes de setembro nas xornadas de orientación.
O concepto mestura o acrónimo de BIC, como Ben de Interese Cultural que é a máxima categoría de protección recollida pola Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, co termo PROCOMÚN, definido como aqueles bens que pertencen a todos, que creamos conxuntamente e herdamos para deixar ás xeracións futuras. Da suma de ambos conceptos resulta esta nova categoría.
A mostra estará exposta entre o 16 de setembro e o 11 de outubro.

25 ago 2013

Punto de Encontro: Facultade de Historia

O próximo luns 2 de Setembro, no salón multiusos (no soto do Edificio de Ferro), se desenvolverá o Acto de Benvida para tod@s @s alumn@s da Facultade e a acollida para os novos alumnos. 

O día 3, se desenvolverá un programa de accións para informar ao alumnado de novo ingreso dos distintos servicios do Campus de Ourense, cun roteiro orientativo polo mesmo. 

Posteriormente daremos inicio a un Obradorio Aberto á comunidade universitaria sobre os novos paradigmas da xestión do Patrimonio Cultural, do que irémosvos informando ao longo destes días. 

Vémonos!! 


http://goo.gl/maps/Ws5vZ

7 ago 2013

Case van catro anos... (por Adrián Presas Sobrado)

Adrián Presas, da primeira fornada de graduados en Xeografía e Historia pola Universidade de Vigo, deixou no seu muro Facebook esta texto que queremos compartir:


Case van catro anos dende aquel día 21 de setembro de 2009, cando un grupo de mozas e mozos iniciaban o seu camiño nunha auténtica “carreira” que levaba o nome de Grao en Xeografía e Historia.


A dicir verdade, lembro aquel primeiro día coma se fora hoxe. Estaba eu sentado, na primeira fila daquela magna aula 0.9 da que apenas ocupabamos un cuarto da mesma, con Javier Álvarez Batista á dereita e, inmediatamente despois, Pablo Sánchez Martínez. A primeira clase foi de Introdución á Lingua e Literatura Latinas, onde cada vez que un de nós se equivocaba cun caso gramatical, o profesor soltaba un sonoro “no caramba” (García Masegosa, A. 2009). Como esquecer tamén aquela anécdota culinaria na que participaba unha importantísima catedrática de Historia Contemporánea: “el pollo al supositorio” (De Juana, J. 2010) [Os catedráticos tamén teñen pasados escuros…]. Ou o inigualable “carácter nomotético de Vidal de la Blache”, fantasticamente recollido no manual de “Cápel y Urteaga” (Trashorras, E. 2010). Mención aparte merecen as clases daquela materia con título que non preludiaba nada de diversión: Fontes de Información en Humanidades na que, “fundamentalmente” (Vaquero Díaz, B. 2009), andábamos perdidos todos un pouco [Incluso a mestra… Pola túa paciencia. Por saber que as túas materias son un “pouco tediosas”, pero polo ben que transmites: Te queremos Bea!]. Nestas alturas, todo nos parecía “maravilloso, sublime, delicioso, fantástico.” (Barriocanal, Y. 2009).
Acabou primeiro e xa comezamos a ser veteranos. Segundo foi para min o curso máis duro de todos [Espérate a cuarto, Adrián…]. “Fundamentalmente” (Vaquero Díaz, B. 2010), reflexionamos sobre as “mantenzas”: “é que vostedes non se dan conta do que hai detrás dunha pataca?” (Sixirei, C. 2010). Eu estaba preocupado pola carraspeira [que por certo, xa se manifestaba en primeiro], dese profesor ao que lle encantaba meter constantemente cuñas publicitarias sobre Toralla (Pérez Losada, F. 2011). “Os cultivos de inverno e cultivos de verán” (Presedo, A. 2011), acadaron nesta altura unha importancia inimaxinable. Pero sen dúbida, o máis importante, o top dos tops, o trending topic do curso foron “as desigoaldades do espazo mundo producidas polos desequilibrios do sistema centro periferia, que se agrandan polas actividades das grandes transnacionais que actúan en connivencia cos grandes estados nación como son os Estados Unidos o Xapón.” (Bralo Ron, R. 2010)



Entre “patín y patán” (De Uña, E. 2011) chegou terceiro, cunha recén nomeada Decana que, desta vez si, impartía unha materia cun nome que NON daba pé a crear teorías conspirativas (Comendador, B. 2009 – 2011). A nosa imaxe da Idade Media cambiou radicalmente cando nos dixeron, sen ningún tipo de censura, que os lugares nos que vivían os reis eran “cutres, cochambrosos, lugares perdidos de la mano de Dios”, e que certa raíña “dicen las crónicas que no se lavaba, o sea, que era una cerda.” (Rodríguez, F.J. 2011). Os masóns chegaron con forza ás nosas vidas (Valín, A. 2012). Eu dígovos que cando ía pola rúa non podía deixar de mirar cara atrás por se viña algún militar con intencións de realizar un pronunciamento. Os baleirados de prensa, artigos, actas municipais, etc., mesturados coa descolonización e a Guerra Fría (Prada, J. 2012). Nesta altura, debemos citar dúas intervencións míticas. Por orde: “cando se fai un biscoito primeiro hai que facer a masa, montar a nata, decorar o biscoito e, ao final poñémoslle a guinda ao pastel.” (Presedo, A. 2012) [Unha das mellores analoxías que levo escoitado en moito tempo xD]. E por último: “podedes mercar un rotulador indelébel [ou impermeábel, dependía do día], deses que usan os arquitectos xunto cunha escuadra e un cartabón para realizar os vosos mapas e perfís.” (Bralo Ron, R. 2012).



Cuarto… “Fundamentalmente” (Vaquero Díaz, B. 2012): arquivística, optativas, prácticas e TFG, TFG e máis TFG. Saquei unha nova paixón por estas alturas: Latinoamérica (Sixirei, C. 2012).



E con isto, chegou o final. Foron anos que pasaron voando... Creo que foi pola boa compañía. E cito:Pablo Sánchez Martínez, Pablo Cid Couce, Lucia Freire, David Cid, Lidia Seijo, Javi Álvarez Batista,Laura Salgado, Adrián López, María Jesús Requejo. Aos profesores, PROFESIONAIS que transmitiron todo o bo que teñen nesas cabeciñas: Jesús de Juana, Julio Prada, Alberto Valín Fernández, F.J. Pérez Rodríguez (Paco), Bea Vaquero, Carlos Sixirei, Bea Comenda, Yolanda Barriocanal, Elena de Uña, Fermín Pérez Losada, Antonio Presedo, María López, Susana Reboreda, Mercedes Durany, Ladislao Castro.



Esta pequena "homenaxe" (a que agardo non ofenda a ninguén, porque non é esa a intención), creo que recolle ben o que para min foi esta experiencia extraordinaria. A Historia non é só datos e datas. É tamén imaxinación e saber transmitila de maneira certeira. Agora que todo acabou; cando este que escribe é xa "historia" na Facultade de Historia de Ourense, só quero dicir: grazas por enriquecer e compartir comigo estes marabillosos anos.



Grazas.

27 jun 2013

Aberta inscrición no Máster: Historia Territorio e Recursos Patrimoniais

O próximo venres 28 de xuño estará aberto o prazo de preinscrición no Máster Historia Territorio e Recursos Patrimoniais, ata o 4 de xullo.
Atentos porque hai DUAS BOLSAS da Universidade que hai que solicitar cando a preinscrición.
 

Facultade de Historia de Ourense

6 jun 2013

Gañadores do Concurso: Dalle Vida ao teu Patrimonio

Dado que o día 18 de abril, foi declarado polo ICOMOS día internacional dos Monumentos e Sitios, a Facultade de Historia de Ourense convocou o I Concurso Fotográfico: Dalle vida ao teu Patrimonio.

Como unha sorte de homenaxe ao día internacional dos monumentos e sitios, na súa faceta patrimonial e educativa, convidamos a participar neste concurso que tivo como obxectivo “revitalizar” o noso patrimonio cultural e arqueolóxico a través da fotografía.

Aquí tedes as fotos gañadoras do concurso, onde figuran monumentos e sitios con xente recreando diversas actividades relativas á vida deses lugares ao longo da súa historia.

Agradecemos á conservadora e restauradora Iria López Baltar, os bonitos cartéis que deseñou para este concurso.

Parabéns e grazas pola  xenerosidade ao enviarnos un anaco de ilusión en forma de foto e texto. Como dia a gañadora... No final da xornada, sempre nos encontramos na terra, a mesma que nos da a vida…

O noso patrimonio estará vivo mentres haxa xente como vós, capaz de divertirse revivindo un instante da nosa Historia... a historia da historia das xentes... a historia con maiúsculas. GRAZAS

E no final da xornada, sempre nos encontramos na terra, a mesma que nos da a vida…


1º PREMIO
Autor: Beatriz Piñeiro Gondar
A captura amosa unha labrega repousando nas ruínas do cemiterio de Santa Mariña do Dozo, Cambados.
Técnica: Captura realizada cunha cámara SONY A390; Distancia focal 18 mm; Configuración de exposición F/22 1/60; Iluminación natural
Procesado de arquivo RAW unicamente de curvas de luces, sombras e contraste.


A aventura de ser neno
1º ACCESIT
Autor: Andrea Rivero González
A fotografía foi realizada na fonte do patio da Casa Museo de Otero Pedrayo. Nela trátase de manifestar a mestura do aspecto lúdico co aspecto da colaboración das pequeñas na tarefas do fogar.
Técnica: Datos Exif Valor F de apertura F5,0; Distancia focal 30.0 mm; Velocidade de obturador 1/320 s.; ISO 100; No flash




No patio, á hora de acomodar
2º ACCESIT
Autor: María Jesús Boo
A fotografía tomada  no patio da Casa Museo de Otero Pedrayo, que outrora foi casa de labranza. Nela vemos a tres nenas no momento de recoller aos animais, dándolles de comer.
Técnica: Datos Exif Valor F de apertura F5,0; Distancia focal: 30.0 mm; Velocidade de obturador 1/52 p.sg.; ISO 100; No flash

Debullando o millo…
3º ACCESIT
Autor: Susana González Rodríguez
Fotografía tomada na eira da Casa Museo de Otero Pedrayo. Nela aparece unha muller nun momento tan emblemático, por usual noutra época, debullando o millo, para darlle como comida aos animais.
Técnica: Datos Exif Valor F de apertura F5,0; Distancia focal: 30.0 mm; Velocidade de obturador 1/320 s.; ISO 100; No flash

26 may 2013

Coñeces...?: O relato ao estilo comic


Para celebrar hoxe que a Facultade de Historia de Ourense ten 300 amigos na súa páxina de Facebook, deixámosvos aquí o link a un presente: un relato diferente da IIº Ruta Interpretativa polo Patrimonio Próximo ao Campus de Ourense. Esta vez, cun xeito distinto de contalo. Esperamos que vos guste!!!

E seguimos.



14 may 2013

Puntualizacións sobre a ruta ás Illas Cíes



En relación coa visita  programada pola Facultade de Historia ás Illas Cíes, remitimos as seguintes puntualizacións:
Saída de Ourense: xoves 16 de maio ás 8:30, no Edificio de Ferro – Facultade de Historia. Prégase puntualidade porque a esa hora ten que estar o grupo organizado e dentro do autobús.
Saída da estación marítima de  Vigo ás  10:15 horas. As persoas que non realicen a viaxe en autobús deberán estar na estación 30 minutos antes.
 Retorno das Illas Cies: 17:00 horas.
Chegada aproximada a Ourense: 19:30 horas.

Recoméndase vir con roupa e calzado axeitado para camiñar e adaptado a climatoloxía do día. As previsións indican que poderá chover a partires das 15:00 horas. Asemade recoméndase traer unha mochila con bocadillo, froita, auga, froitos secos e algo de chocolate. Teredes tamén que viaxar con unha bolsa para o lixo onde depositar os residuos que se poidan xerar. E por suposto cámara de fotos!! .
Para calquera consulta non dubidedes en poñervos en contacto connosco no Telef. 988 387 200 (horario de 8:30 a 14:30) ou en sdefho@uvigo.es
Vémonos!!