16 dic 2013

Itinerarios Temáticos 1º cuadrimestre



A Facultade de Historia desenvolve un programa de itinerarios temáticos para as saídas de estudos e prácticas de campo do Curso 2013-14. Neste primeiro cuadrimeste fixéronse un total de once itinerarios nos que participaron a totalidade dos estudantes do Grao en Xeografía e Historia. 

Facultade de Historia de Ourense quere agradecer a todas as persoas implicadas na súa organización e coordinación, así como ás diversas institucións, empresas e colectivos pola súa acollida.

E no segundo cuadrimestre máis.

9 dic 2013

Xornadas Interdisciplinares de Xeografía Ambiental



As Xornadas Interdisciplinares de Xeografía Ambiental, xurden dentro do programa "Aula Aberta" da Facultade de Historia, a iniciativa do profesor Miguel Ángel Álvarez Vázquez, da Area de Xeografía Física. Teñen finalidade principal: completar e/ou complementar a formación no campo da Xeografía dos alumnos e alumnas do Grao en Xeografía e Historia. O programa que xira en torno á Xeografía Ambiental, pero dende diferentes puntos de vista. Aínda que o centro das xornadas son os alumnos e alumnas, estas creáronse con finalidade divulgativa, por ese motivo queremos invitar a sociedade en xeral a asistir, cumprindo con esa función primordial de xeración e, sobre todo, transmisión do coñecemento que debe ter a Universidade.

Cun cartel de luxo falaremos de Xeografía e Ambiente os días 16 e 17 de decembro no salón de graos do Edificio de Facultades, agora Vicente Risco. Expertos en diferentes campos de coñecemento formularán cuestións sobre a interacción natureza-sociedade.

PROGRAMA

Luns 16/DEC/2013
16:00 h.
O delito ambiental: unha perspectiva social.
Isabel Alonso (Universidad de La Laguna).
17:00 h.
Cazadores de metais: buscando contaminación.
Inmaculada de la Calle (Universidade de Vigo).

Martes 17/DEC/2013
16:00 h.
Tribos do leste de África. Formas de "posuír" a Terra.
Marcos Vecín (EVOLUSEUM, Santa Cruz - Bolivia).
17:00 h.
Como mellorar o aproveitamento forestal en Galicia.
Alberte Piñeiro, Gustavo Amann  e Xermán Darriba. Diálogos03 (Asociación de Bolseiros da Fundación Pedro Barrié de la Maza).


Isabel Alonso é Diplomada en Educación Social, Licenciada en Pedagoxía e Doutora en Psicoloxía pola Universidade de La Laguna. Como educadora social traballa en contacto coa realidade cotiá de adolescentes de estratos sociais pouco favorecidos. A súa Tese Doutoral, que leva por título "O impacto das atribucións e as normas no comportamento anti-ecolóxico ilegal", xira en torno á percepción que a sociedade en xeral ten do delito ambiental e os comportamentos derivados. Egresada da Facultade de Educación volve a Ourense para ofrecernos un punto de vista social nestas xornadas.




 


Inma de la Calle é Licenciada en Química e Doutora pola Universidade de Vigo, especializada en Química Analítica. A súa liña de traballo consiste no desenvolvemento e optimización de procedementos de preparación de mostra e técnicas de preconcentración para a análise de metais a niveis traza en mostras ambientais (chans, auga, material vexetal...). É unha das poucas persoas en España que traballou en profundidade coa Fluorescencia de Raios X por Reflexión Total (TXRF), unha técnica emerxente. O grupo de investigación ao que pertence foi etiquetado pola prensa como "cazadores de metales nocivos" (La Voz de Galicia, 06/11/2011) ou "rastreadores de metales que mejoran la calidad de vida" (Faro de Vigo, 05/02/2012).




Marcos Vecín. Biólogo de formación, rematada a súa carreira foise a vivir entre xentes dos países aos que chamamos "en vías de desenvolvemento". Nunha primeira etapa en Bolivia encargouse, entre outras cousas, do deseño e montaxe do Museo da Evolución de Santa Cruz (EVOLUSEUM), proxecto que a día de hoxe mantén e dirixe. De Bolivia trasladouse a África onde traballa como guía en safaris fotográficos, alí coñeceu de maneira directa a forma de vida de tribos como os Turkana, os Samburu, os Masai ou os Hadzabe. Divulgador nato, é autor do blog "MIGRACIONES. Viajes. Voces. Vidas. " Onde conta as súas experiencias en mundos que ás veces parecen moi afastados. Achega a estas xornadas un punto de vista eminentemente vivencial.




A reunión Diálogos03 celebrada o pasado 27 de abril, xorde por iniciativa da Asociación de Bolseiros da Fundación Pedro Barrié de la Maza, reunindo a expertos en ordenación territorial, xestión e industria forestal. O resultado foi un amplo informe que reúne dez puntos con propostas viables para mellorar a xestión forestal en Galicia, que achegan a estas xornadas un punto de vista integrado dende diversos ámbitos de coñecemento. Acompañarannos tres ex-bolseiros da Fundación Pedro Barrié de la Maza: Alberte Piñeiro (Enxeñeiro de Montes; Xefe do Distrito Forestal IV - Barbanza, da Xunta de Galicia), Gustavo Amann (Enxeñeiro Industrial, Banco Popular) e Xermán Darriba (Arqueólogo)".


11 nov 2013

Chegan as III Xornadas de Novos Investigadores

Una ano máis, a Delegación de Alumn@s da Facultade de Historia de Ourense en colaboración co centro, organiza as Xornadas de Novos Investigadores na súa III edición, que se celebrará os días 13 e 14 de Novembro de 2013, no Salón de Graos do Edificio de Ferro.

Aquí tedes o programa das xornadas.

Programa do Mércores 13

Programa do Xoves 14


E ao rematar, podedes unirvos "A Festa da Queimada" organizada por Galopín Festas Universitarias fronte ao Edificio de Ferro. 

22 oct 2013

Xeo-ruta polo noroeste ibérico



O pasado día 4 de Outubro, os estudantes de primeiro curso do Grao en Xeografía e Historía saíron da Facultade de Historia de Ourense para facer unha "xeo-ruta" polo noroeste ibérico, coordinada polo seu profesor Miguel Angel ÁlvarezVázquez, investigador contratado da área de Xeografía Física. Hoxe envíanos unha crónica da ruta redactada polos propios participantes na mesma.

Moitas grazas pola colaboración e por compartir esta experiencia.

Podedes seguir as andanzas deste grupo no propio blogue da materia Fundamentos de Xeografía Física. http://geografiafisicaou.blogspot.com.es

Xeo-ruta polo noroeste ibérico
Crónica da Saída de Estudio


Grao en Xeografía e Historia. Fundamentos de Xeografía Física Data: 04/10/2013

Autoría: Fernández Álvarez, Selene; García Bacelar, Laura e Heleno Pereira, Iván.


Cediño, comezamos cunha viaxe en autobús dunha hora, chegamos ó concello de Quiroga onde visitamos o seu Museo Xeolóxico onde nos agardaba Ramón Vila Anca (Director do museo) para guiarnos no percorrido. No museo faláronos da formación do territorio galego, facendo especial fincapé no Sinclinal de Campodola-Leixazós, un pregamento que se produxo hai uns 450 millóns de anos e que atopamos na Serra do Courel. 

O museo estaba dividido en 5 partes:

1. Formación do territorio en Galicia.




Nesta sala explicáronnos  a formación do territorio galego que tivo lugar na etapa da oroxénese hercínica. Explicáronos a evolución da formación da Terra que coñecemos hoxe en catro etapas:

* Na primeira podemos observar a formación dun único continente chamado Panxea.

* Na segunda etapa debido aos esforzos de complexión créanse os pregamentos, incluíndo nesta etapa o sinclinal do Courel.

* Na terceira, dáse unha elevación dos montes hercínicos, mentres que as súas partes mais altas íanse erosionando.

* E por último lugar, hai 65 millóns de anos dáse unha elevación do territorio galego, xunto coa formación dun elemento singular da paisaxe galega, as rías.

Ademais das fases da formación do territorio, puidemos ver e tocar algúns fósiles e minerais do territorio galego, como por exemplo o cuarzo leitoso.


2. Historia paleontolóxica de Galicia a evolución da vida.

Nesta sala expóñense restos de animais que poboaron este territorio, algúns chegaron ata os nosos días como o xabarín  pero a maioría extinguíronse xa ou  non existen nesta zona. Un dos animais que mais nos chamou a atención foi o oso  cavernario (Ursus spelaeus)  unha especie de oso de gran tamaño, vexetariano nos dixeron no museo, que chegou a convivir co oso pardo, quen se adaptou mellor ao medio, mais pequeno  e omnívoro. Outro dos animais foi o rinoceronte lanudo (Coelodonta antiquitatis) , unha especie que non imaxinábamos en Galicia. Ademais vimos restos de mamut, de hiena, bisonte estepario, corzo...





3. Idade dos xeos: Plistoceno.

Aquí explicáronnos as glaciacións, as formacións dos glaciares, os lugares ata os que chegou a glaciación (dentro de  Galicia as zonas altas) e como exemplo , temos  a lagoa da Lucenza, na serra do Courel, que mais tarde visitamos. Esta lagoa, atopase moi colmatada, é dicir, conta con unha elevada cantidade de sedimentos. (uns 17 metros ). Explicáronnos tamén as diferenzas entre os glaciares de circo, e os glaciares de casquete.

4. Primeiras ocupacións humanas.

Nesta sala, había unha colección de cráneos dos diferentes homínidos que ocuparon a terra, como por exemplo o Homo habilis que se decatou de que era mais poderoso cunha pedra na man que coas mans soas.  Dende esta ferramenta rudimentaria, que foi evolucionando, mostráronnos unha mostra das diferentes ferramentas utilizadas polos nosos antergos. Como curiosidade datounos o homínido mais antigo de Galicia fai uns 8.000 anos, aínda que hai indicios da existencia anteriores de outros homínidos.

5. A minería.

Por ultimo, a visita remata con unha breve explicación sobre a actividade mineira na zona, que foi moi intensa. Como exemplo está o xacemento de Montefurado onde os romanos desviaron o río para poder extraer mellor o ouro.



Logo, montamos no autocar e subimos ata o sinclinal do courel. Este é un pregamento do terreo. Hai 500 millóns de anos o terreo era uniforme pero os movementos posteriores das capas da codia , provocaron pregamentos e aperturas do terreo. Posteriores movementos sísmicos e a erosión fixeron desaparecer a parte superficial, nun corte transversal, deixando a vista a capas que o conforman.



Volvemos montar no autocar para comezar unha odisea por estrada estreita ata acadar o Alto do Couto, lugar de partida da nosa ruta.

As coordenadas de toda a ruta e as paradas que fixemos nela serían as seguintes:

Inicio 13:02 → 42 36,862’ N ; 7  5,771’ W. 1307m.
1- 13:25 → 42 36,458’ N ; 7  5,701’ W. 1393m.
2- 14.23 → 42° 36,181’ N ; 7°  6,392’ W.1522m.
3- 14:34 → 42 36,091’ N ; 7  6,557’ W. 1595m.
4- Lagoa da Lucenza: Coordenadas UTM 29 T 654840 4717260 
5- 16:09 → 42° 35,501’ N ; 7°  6,630’ W. 1359m.
A Seara (Fin) 17:13 → 42° 34,71’ N   ; 7°  5,629’ W. 1127m.


Ao principio da ruta tivemos que superar una serie de contratempos da natureza (as costas) e algún que outro máis humano.  Nesta primeira parte a vexetación era arbustiva xa que nos atopabamos nas zonas mais altas, mais ou menos a primeira metade da ruta. Fixemos una parada para comer, de media hora. A partires de aquí comezou a parte de descenso cara a lagoa Da Lucenza, e caeron as primeiras pingas de auga. Neste descenso observamos perfectamente o circo glacial do que nos falaron no museo. A vexetación comezou a cambiar. Deixou de ser  arbustiva completamente para ir aparecendo as primeiras árbores.



Chegamos a lagoa da Lucenza, punto mais interesante da ruta. Desgraciadamente non contiña auga, pero , por non contela, aproveitamos para realizar un experimento, proposto polo guía do museo. Ao saltar no centro da lagoa (cuxas coordenadas serían 42° 35’ 32” N e 7° 6’ 46,90” W), notábanse as vibracións do terreo, o chan ondulaba baixo os nosos pes, xa que estaba formado por 17 metros de sedimentos. Polo tanto aquí teríamos unha turbeira, é dicir, unha conca lacustre de orixe glaciar repleta de material vexetal máis ou menos descomposto, coñecido co nome de turba de auga doce.

A partir de aquí, continuamos coa baixada, atopándonos con diferentes vexetacións, con algunha fervenza,  cun pequeno río e os primeiros indicios de “vida humana” (campos de cultivo e algún gando).


Seguindo o curso dese río, chegamos ao lugar indicado como a fin da ruta, A Seara, onde nos esperaba o autocar para a volta a Ourense.