Adrián Presas, da primeira fornada de graduados en Xeografía e Historia pola Universidade de Vigo, deixou no seu muro Facebook esta texto que queremos compartir:
Case van catro anos dende aquel día 21 de setembro de 2009, cando un grupo de mozas e mozos iniciaban o seu camiño nunha auténtica “carreira” que levaba o nome de Grao en Xeografía e Historia.
A dicir verdade, lembro aquel primeiro día coma se fora hoxe. Estaba eu sentado, na primeira fila daquela magna aula 0.9 da que apenas ocupabamos un cuarto da mesma, con Javier Álvarez Batista á dereita e, inmediatamente despois, Pablo Sánchez Martínez. A primeira clase foi de Introdución á Lingua e Literatura Latinas, onde cada vez que un de nós se equivocaba cun caso gramatical, o profesor soltaba un sonoro “no caramba” (García Masegosa, A. 2009). Como esquecer tamén aquela anécdota culinaria na que participaba unha importantísima catedrática de Historia Contemporánea: “el pollo al supositorio” (De Juana, J. 2010) [Os catedráticos tamén teñen pasados escuros…]. Ou o inigualable “carácter nomotético de Vidal de la Blache”, fantasticamente recollido no manual de “Cápel y Urteaga” (Trashorras, E. 2010). Mención aparte merecen as clases daquela materia con título que non preludiaba nada de diversión: Fontes de Información en Humanidades na que, “fundamentalmente” (Vaquero Díaz, B. 2009), andábamos perdidos todos un pouco [Incluso a mestra… Pola túa paciencia. Por saber que as túas materias son un “pouco tediosas”, pero polo ben que transmites: Te queremos Bea!]. Nestas alturas, todo nos parecía “maravilloso, sublime, delicioso, fantástico.” (Barriocanal, Y. 2009).
Acabou primeiro e xa comezamos a ser veteranos. Segundo foi para min o curso máis duro de todos [Espérate a cuarto, Adrián…]. “Fundamentalmente” (Vaquero Díaz, B. 2010), reflexionamos sobre as “mantenzas”: “é que vostedes non se dan conta do que hai detrás dunha pataca?” (Sixirei, C. 2010). Eu estaba preocupado pola carraspeira [que por certo, xa se manifestaba en primeiro], dese profesor ao que lle encantaba meter constantemente cuñas publicitarias sobre Toralla (Pérez Losada, F. 2011). “Os cultivos de inverno e cultivos de verán” (Presedo, A. 2011), acadaron nesta altura unha importancia inimaxinable. Pero sen dúbida, o máis importante, o top dos tops, o trending topic do curso foron “as desigoaldades do espazo mundo producidas polos desequilibrios do sistema centro periferia, que se agrandan polas actividades das grandes transnacionais que actúan en connivencia cos grandes estados nación como son os Estados Unidos o Xapón.” (Bralo Ron, R. 2010)
Entre “patín y patán” (De Uña, E. 2011) chegou terceiro, cunha recén nomeada Decana que, desta vez si, impartía unha materia cun nome que NON daba pé a crear teorías conspirativas (Comendador, B. 2009 – 2011). A nosa imaxe da Idade Media cambiou radicalmente cando nos dixeron, sen ningún tipo de censura, que os lugares nos que vivían os reis eran “cutres, cochambrosos, lugares perdidos de la mano de Dios”, e que certa raíña “dicen las crónicas que no se lavaba, o sea, que era una cerda.” (Rodríguez, F.J. 2011). Os masóns chegaron con forza ás nosas vidas (Valín, A. 2012). Eu dígovos que cando ía pola rúa non podía deixar de mirar cara atrás por se viña algún militar con intencións de realizar un pronunciamento. Os baleirados de prensa, artigos, actas municipais, etc., mesturados coa descolonización e a Guerra Fría (Prada, J. 2012). Nesta altura, debemos citar dúas intervencións míticas. Por orde: “cando se fai un biscoito primeiro hai que facer a masa, montar a nata, decorar o biscoito e, ao final poñémoslle a guinda ao pastel.” (Presedo, A. 2012) [Unha das mellores analoxías que levo escoitado en moito tempo xD]. E por último: “podedes mercar un rotulador indelébel [ou impermeábel, dependía do día], deses que usan os arquitectos xunto cunha escuadra e un cartabón para realizar os vosos mapas e perfís.” (Bralo Ron, R. 2012).
Cuarto… “Fundamentalmente” (Vaquero Díaz, B. 2012): arquivística, optativas, prácticas e TFG, TFG e máis TFG. Saquei unha nova paixón por estas alturas: Latinoamérica (Sixirei, C. 2012).
E con isto, chegou o final. Foron anos que pasaron voando... Creo que foi pola boa compañía. E cito:Pablo Sánchez Martínez, Pablo Cid Couce, Lucia Freire, David Cid, Lidia Seijo, Javi Álvarez Batista,Laura Salgado, Adrián López, María Jesús Requejo. Aos profesores, PROFESIONAIS que transmitiron todo o bo que teñen nesas cabeciñas: Jesús de Juana, Julio Prada, Alberto Valín Fernández, F.J. Pérez Rodríguez (Paco), Bea Vaquero, Carlos Sixirei, Bea Comenda, Yolanda Barriocanal, Elena de Uña, Fermín Pérez Losada, Antonio Presedo, María López, Susana Reboreda, Mercedes Durany, Ladislao Castro.
Esta pequena "homenaxe" (a que agardo non ofenda a ninguén, porque non é esa a intención), creo que recolle ben o que para min foi esta experiencia extraordinaria. A Historia non é só datos e datas. É tamén imaxinación e saber transmitila de maneira certeira. Agora que todo acabou; cando este que escribe é xa "historia" na Facultade de Historia de Ourense, só quero dicir: grazas por enriquecer e compartir comigo estes marabillosos anos.
Grazas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario