22 oct 2013

Xeo-ruta polo noroeste ibérico



O pasado día 4 de Outubro, os estudantes de primeiro curso do Grao en Xeografía e Historía saíron da Facultade de Historia de Ourense para facer unha "xeo-ruta" polo noroeste ibérico, coordinada polo seu profesor Miguel Angel ÁlvarezVázquez, investigador contratado da área de Xeografía Física. Hoxe envíanos unha crónica da ruta redactada polos propios participantes na mesma.

Moitas grazas pola colaboración e por compartir esta experiencia.

Podedes seguir as andanzas deste grupo no propio blogue da materia Fundamentos de Xeografía Física. http://geografiafisicaou.blogspot.com.es

Xeo-ruta polo noroeste ibérico
Crónica da Saída de Estudio


Grao en Xeografía e Historia. Fundamentos de Xeografía Física Data: 04/10/2013

Autoría: Fernández Álvarez, Selene; García Bacelar, Laura e Heleno Pereira, Iván.


Cediño, comezamos cunha viaxe en autobús dunha hora, chegamos ó concello de Quiroga onde visitamos o seu Museo Xeolóxico onde nos agardaba Ramón Vila Anca (Director do museo) para guiarnos no percorrido. No museo faláronos da formación do territorio galego, facendo especial fincapé no Sinclinal de Campodola-Leixazós, un pregamento que se produxo hai uns 450 millóns de anos e que atopamos na Serra do Courel. 

O museo estaba dividido en 5 partes:

1. Formación do territorio en Galicia.




Nesta sala explicáronnos  a formación do territorio galego que tivo lugar na etapa da oroxénese hercínica. Explicáronos a evolución da formación da Terra que coñecemos hoxe en catro etapas:

* Na primeira podemos observar a formación dun único continente chamado Panxea.

* Na segunda etapa debido aos esforzos de complexión créanse os pregamentos, incluíndo nesta etapa o sinclinal do Courel.

* Na terceira, dáse unha elevación dos montes hercínicos, mentres que as súas partes mais altas íanse erosionando.

* E por último lugar, hai 65 millóns de anos dáse unha elevación do territorio galego, xunto coa formación dun elemento singular da paisaxe galega, as rías.

Ademais das fases da formación do territorio, puidemos ver e tocar algúns fósiles e minerais do territorio galego, como por exemplo o cuarzo leitoso.


2. Historia paleontolóxica de Galicia a evolución da vida.

Nesta sala expóñense restos de animais que poboaron este territorio, algúns chegaron ata os nosos días como o xabarín  pero a maioría extinguíronse xa ou  non existen nesta zona. Un dos animais que mais nos chamou a atención foi o oso  cavernario (Ursus spelaeus)  unha especie de oso de gran tamaño, vexetariano nos dixeron no museo, que chegou a convivir co oso pardo, quen se adaptou mellor ao medio, mais pequeno  e omnívoro. Outro dos animais foi o rinoceronte lanudo (Coelodonta antiquitatis) , unha especie que non imaxinábamos en Galicia. Ademais vimos restos de mamut, de hiena, bisonte estepario, corzo...





3. Idade dos xeos: Plistoceno.

Aquí explicáronnos as glaciacións, as formacións dos glaciares, os lugares ata os que chegou a glaciación (dentro de  Galicia as zonas altas) e como exemplo , temos  a lagoa da Lucenza, na serra do Courel, que mais tarde visitamos. Esta lagoa, atopase moi colmatada, é dicir, conta con unha elevada cantidade de sedimentos. (uns 17 metros ). Explicáronnos tamén as diferenzas entre os glaciares de circo, e os glaciares de casquete.

4. Primeiras ocupacións humanas.

Nesta sala, había unha colección de cráneos dos diferentes homínidos que ocuparon a terra, como por exemplo o Homo habilis que se decatou de que era mais poderoso cunha pedra na man que coas mans soas.  Dende esta ferramenta rudimentaria, que foi evolucionando, mostráronnos unha mostra das diferentes ferramentas utilizadas polos nosos antergos. Como curiosidade datounos o homínido mais antigo de Galicia fai uns 8.000 anos, aínda que hai indicios da existencia anteriores de outros homínidos.

5. A minería.

Por ultimo, a visita remata con unha breve explicación sobre a actividade mineira na zona, que foi moi intensa. Como exemplo está o xacemento de Montefurado onde os romanos desviaron o río para poder extraer mellor o ouro.



Logo, montamos no autocar e subimos ata o sinclinal do courel. Este é un pregamento do terreo. Hai 500 millóns de anos o terreo era uniforme pero os movementos posteriores das capas da codia , provocaron pregamentos e aperturas do terreo. Posteriores movementos sísmicos e a erosión fixeron desaparecer a parte superficial, nun corte transversal, deixando a vista a capas que o conforman.



Volvemos montar no autocar para comezar unha odisea por estrada estreita ata acadar o Alto do Couto, lugar de partida da nosa ruta.

As coordenadas de toda a ruta e as paradas que fixemos nela serían as seguintes:

Inicio 13:02 → 42 36,862’ N ; 7  5,771’ W. 1307m.
1- 13:25 → 42 36,458’ N ; 7  5,701’ W. 1393m.
2- 14.23 → 42° 36,181’ N ; 7°  6,392’ W.1522m.
3- 14:34 → 42 36,091’ N ; 7  6,557’ W. 1595m.
4- Lagoa da Lucenza: Coordenadas UTM 29 T 654840 4717260 
5- 16:09 → 42° 35,501’ N ; 7°  6,630’ W. 1359m.
A Seara (Fin) 17:13 → 42° 34,71’ N   ; 7°  5,629’ W. 1127m.


Ao principio da ruta tivemos que superar una serie de contratempos da natureza (as costas) e algún que outro máis humano.  Nesta primeira parte a vexetación era arbustiva xa que nos atopabamos nas zonas mais altas, mais ou menos a primeira metade da ruta. Fixemos una parada para comer, de media hora. A partires de aquí comezou a parte de descenso cara a lagoa Da Lucenza, e caeron as primeiras pingas de auga. Neste descenso observamos perfectamente o circo glacial do que nos falaron no museo. A vexetación comezou a cambiar. Deixou de ser  arbustiva completamente para ir aparecendo as primeiras árbores.



Chegamos a lagoa da Lucenza, punto mais interesante da ruta. Desgraciadamente non contiña auga, pero , por non contela, aproveitamos para realizar un experimento, proposto polo guía do museo. Ao saltar no centro da lagoa (cuxas coordenadas serían 42° 35’ 32” N e 7° 6’ 46,90” W), notábanse as vibracións do terreo, o chan ondulaba baixo os nosos pes, xa que estaba formado por 17 metros de sedimentos. Polo tanto aquí teríamos unha turbeira, é dicir, unha conca lacustre de orixe glaciar repleta de material vexetal máis ou menos descomposto, coñecido co nome de turba de auga doce.

A partir de aquí, continuamos coa baixada, atopándonos con diferentes vexetacións, con algunha fervenza,  cun pequeno río e os primeiros indicios de “vida humana” (campos de cultivo e algún gando).


Seguindo o curso dese río, chegamos ao lugar indicado como a fin da ruta, A Seara, onde nos esperaba o autocar para a volta a Ourense.




13 oct 2013

Clausura da Mostra "Coñeces...BIComun?"


Onte clausuramos na Sala Alterarte do campus de Ourense a mostra "Coñeces...BIComun?", que chegou a Ourense ao abeiro da Convocatoria 2012 da Vicerreitoría de Extensión Universitaria de actividades extraacadémicas e de difusión cultural, e inserta no Programa "Coñeces?" que pretende achegar á comunidade universitaria en particular, e a calquera persoa interesada en xeral, o rico patrimonio cultural e natural da cidade de Ourense. 

Esta actividade comezou unha calurosa xornada a principios de setembro co obradoiro BIComunLAB, sobre novos modelos de xestión patrimonial, realizado con alumnado do Grao de Historia e comunidade universitaria, e outras persoas interesadas. A actividade consistiu no deseño do proceso de conservación e xestión patrimonial de dous bens recoñecidos do patrimonio de Ourense. Os bens elixidos polos propios asistentes foron O Castro de Oira e o Cárcere. Os condutores de actividade deron información sobre a situación actual destes bens e coordinaron o traballo colaborativo de reflexión para facer o deseño das intervencións axeitadas en cada caso (Album BicomunLab).
Viñeta del BIComunLAB cos alumn@s da Facultade, o día 3 de setembro

Adela Vázquez e María Masaguer, da Asociación Niquelarte
 Exposición Coñeces o BIComún? foi inaugurada o 16 de setembro na Sala Alterarte do Campus de Ourense, promovida pola Facultade de Historia e executada pola asociación Niquelarte e a empresa Xeitura, en colaboración cos creativos Xarda e Arispunk (Album da montaxe). O seu obxectivo foi o de afondar na falta de participación cidadá na xestión patrimonial propoñendo esta outra categoría de protección colectiva que xa ocupou a Praza Maior no mes de xullo e que foi presentada ao novo alumnado de Historia anteriormente.





Primeiro Boceto da Exposición Coñeces BIComun? da man de María Masaguer a finais do mes de xuño

Na propia exposición este texto daba a benvida:
Estás a piques de entrar nun espazo que asemella ser pechado, máis se te asomas verás que hai unha forte conexión co exterior. Compilado aberto de termos, conceptos, palabras liberadas, imaxes con memoria, pegadas, documentos visuais e sensibles…

Coñeces BIComún? Esta é só a primeira pregunta: as respostas están no interior da sala, máis tamén en vós mesmos. Nas paredes reflexivas de definicións, máis tamén nos muros que se constrúen na rúa ou na internet. O espazo público mantén unha xanela co espazo en rede. Muros construidos en obradoiros ou muros que tí mesmo poderás construír...

...bicomunicando, bicolaborando, biconstruíndo, bicomún..





Para entender un pouco máis que é BIComun, podedes ver este vídeo.


BIComún by Xarda from Niquelarte on Vimeo.



En setembro se celebrou en Malpartida de Cáceres o SOPA 13 - I Congreso Internacional sobre Socialización del PatrimonioO día 20, María e Adela presentaban todo o seu traballo sobre o BIComun no #SOPA13.
A equipa decanal da Facultade de Historia de Ourense presentou neste congreso, a experiencia de dinamización do centro, e deste xeito a Facultade de Historia de Ourense tamén quedou enredada na Red sOpA #redsopa, da que xa falaremos. Moitos galegos e galegas neste congreso. De feito, o próximo ano, o Congreso sobre Educación y Socialización del Patrimonio se celebrará por Ourense. 




O balance de todas estas actividades é positivo para nós. A interacción con persoas e ideas abre moitas posibilidades de futuros traballos colaborativos. Pero sobre todo, a satisfacción está en ter conseguido abrir os muros institucionáis a ideas que están na rúa. Por eso, queremos recoller  neste post coas verbas lidas na inauguración da mostra: 



Inauguramos hoxe esta exposición na Sala Alterarte, neste espazo expositivo do campus de Ourense dedicado a amosar as propostas máis innovadoras e ser un espazo creativo e dinámico para a cidade de Ourense, e damos grazas á vicerreitoría por tela cedido para este fin. Este era o marco que dende a facultade de Historia nos pareceu máis adecuado para convidar aos colegas de Niquelarte e Xeitura para montar esta mostra. Unha mostra que sale da rúa e da xente, de xente cunha grande implicación coa cultura, coa herdanza patrimonial e coa sociedade do seu momento. Tamén e xente con grande xenerosidade e vontade de construír. Pero sobre todo, xente capaz dunha grande creatividade e unha grande enerxía, capaz de superar o fastío, a desmotivación ou o desleixo.
Dou grazas a todos os implicados en conseguir permeabilizar hoxe as paredes desta sala e dar a súa esencia ao espazo universitario, como un espazo de libertade intelectual, para a creción e análise de novas ideas, para o descubrimento e o debate, para a invitación a acción.
Permitideme traer as verbas de Ortega cando sinalaba que a principal misión da Universidade é a transmisión da Cultura. Cando afirmaba “Yo haría de una “Facultad de Cultura” el núcleo de la Universidad y de toda la enseñanza superior”.
Hoxe hai moita xente loitando por construir un modelo de “facultade de cultura”, insitucional ou extitucionalmente.
Tamén dicía que “a realidade circundante forma la otra mitad de mi persona”.  O home non é so o home,senón todo o que o rodea, tanto o inmediato como o remoto, tanto o físico, como o histórico ou espiritual.
Aquí traemos unha mostra desa outra parte do mundo que nos constitúe como persoas e a preguntas e respostas de qué queremos facer con esa herdanza. Ese é o obxectivo desta exposición á que os convidamos non so a mirar, senón a participar, nun xeito de bicomunicación.
Grazas especialmente a Adela, a María Masaguer e a Xulio da Asociación Niquelarte, a Martiño Xosé Vázquez Mato de Xeitura e a todas as persoas que fixeron posible que estes muros permeabilicen na universidade o exterior que nos constitúe.

--
A exposición deixa un bo sabor no campus, pero como recolle o blog de Niquelarte, como se trata dunha expo que xorde na rúa, feita de materiais nómadas e reciclables, xa está buscando novos lugares onde chegar. Non queremos gardala e que quede pechada nun almacén; así que a nosa idea é que siga xirando. Quen quere darlle outro pouco de vida nalgunha outra cidade-vila? Parece que na Coruña a xente do Proxecto Cárcere xa se está a animar! ^
-----
Links: 
No DUVI:
3 de setembro de 2013
A Facultade de Historia acolleu este martes un Obradoiro BIComunLAB
Patrimonio público, xestión social
As entidades participantes reivindicaron novos modelos abertos á participación cidadá

Na WeB de Niquelarte
28 agosto
BIComunLAB chega a Ourense

BIComun na Sala Alterarte. Niquelarte-Praza Pública.

Faro de Vigo
Patrimonio, entre lo público y lo privado
Un taller introdujo a los nuevos estudiantes del Grado de Historia en el estado actual de la gestión patrimonial
Natalia Umpiérrez | Ourense 04.09.2013 | 07:56
La problemática de los bienes en Ourense
04.09.2013 | 07:56

5 oct 2013

III Xornadas de Novos Investigadores

Una ano máis, a Delegación de Alumn@s da Facultade de Historia de Ourense en colaboración co centro, organiza as Xornadas de Novos Investigadores na súa III edición, que se celebrará os días 13 e 14 de Novembro de 2013.

Como sinala a propia DAFHO,

...Nestes últimos tempos, tan críticos para a investigación, consideramos que a Universidade debe ser todo un referente en materia de investigación, tanto a nivel galego coma a nivel estatal. Tanto esta nosa Facultade coma o resto de Facultades de Historia, Arte e Xeografía de Galicia posúen uns magníficos investigadores que saíron e/ou están a saír coa licenciatura/grao/master na man dispostos a facerse un oco no difícil mundo da pesquisa histórica...

...O obxectivo principal destas Xornadas é dar o respaldo e o pulo necesario para o coñecemento dos traballos de investigación que se realizaron ou se están realizando nas distintas Facultades de Historia, Arte e Xeografía. Estas investigacións sen dúbida poñen de manifesto a calidade das novas xeracións de investigadores que, tras rematar os estudos de licenciatura, deciden dar un paso mais na súa formación, atinxindo un novo nivel que implica grandes doses de esforzo que se ven materializadas en excelentes investigacións...

...cremos xusto que teñan unha palestra na nosa Facultade onde poidan expor os seus traballos e experiencias na investigación; onde as máis novas xeracións poidan así aproximarse a esta saída profesional, ás veces descoñecida e case sempre solapada pola saída típica da oposición...

Pretendemos así desenrolar unhas xornadas cun marcado carácter interdisciplinar onde todas as áreas da Historia, Arte e Xeografía teñan cabida.

Os requisitos para a participación mediante comunicacións orais son:

- Ter vinculación con algunha Facultade de Historia, Arte ou Xeografía: estudantes grao, de licenciatura ou licenciados non doutorados.
- A temática deberá relacionarse coas distintas áreas da Historia, a Arte ou a Xeografía; podendo ser un traballo de tipo historiográfico, metodolóxico, etc....pero sempre relacionado coa investigación histórica.
- A comunicación oral das distintas investigacións presentadas non deberá exceder os 30 minutos.
- O traballo deberá ir apoiado por algún tipo de material gráfico (Power Point, imaxes, transparencias…).

Deberá enviarse con anterioridade o día 30 de Setembro, un resumo da investigación desenvolvida, nun máximo de 15-20 liñas. O prazo para enviar as propostas a dafho@uvigo.es remata o 30 de Setembro.

Para difundir as xornadas, aquí tedes o seu vídeo promocional, unha divertida visión crítica das dificultades de facer unha investigación nestes tempos.

Agardámosvos!!

Podedes descargar aquí a primeira circular das xornadas.