19 abr 2013

Concurso Fotográfico “Dálle Vida ao teu Patrimonio”

Cartel do concurso realizado por Iria López Baltar, a quen agradecemos a súa colaboración

Dado que o día 18 de abril, foi declarado polo ICOMOS día internacional dos Monumentos e Sitios, a Facultade de Historia de Ourense convoca o I Concurso Fotográfico: Dalle vida ao teu Patrimonio.
Consulta aquí as bases

¿Qué tipo de fotos buscamos?
Como unha sorte de homenaxe ao día internacional dos monumentos e sitios, na súa faceta patrimonial e educativa, convidámosvos a participar neste concurso que ten como obxectivo “revitalizar” o noso patrimonio cultural e arqueolóxico a través da fotografía.
A nosa intención é reunir fotos que amosen os monumentos e sitios con xente recreando diversas actividades relativas á vida deses lugares ao longo da súa historia:
• As fotografías acompañaranse dun pé ou comentario creado polo mesmo autor que se inscriba no concurso.
• Só se permite una obra por participante.

¿Quen pode participar?
• O concurso está aberto a calquera persoa de calquera idade que sinta respecto e atracción pola Historia e os seus bens patrimoniais.
• A participación no concurso implica a aceptación de todas as bases.
Concurso Fotográfico “Dalle Vida ao teu Patrimonio”

Emprego das fotos por parte da Facultade de Historia
• Os participantes responderán persoalmente da lexítima titularidade da obra, así como do seu carácter orixinal e inédito.
• As obras participantes no concurso poderán ser exhibidas pola Facultade de Historia nas exposicións que se organicen nos seguintes anos á resolución do concurso.
• Os concursantes ceden todos os dereitos á Facultade de Historia da Universidade de Vigo.

Especificacións
• O formato fotográfico será non menos de 300 ppm.
• Todas as fotografías deberán ser orixinais e estar libres de dereitos que poidan detentar terceiros.
• Documentación a entregar:
o Un sobre co seudónimo do remitente, no interior incluirá un DVD coa fotografía dixitalizada e unha fotografía impresa (detrás desta deberá figurar tamén o pé de foto e o seudónimo do autor), e un texto breve referente á obtención, contido, explicación científica, técnicas empregadas e manipulación da fotografía.
o Outro sobre pechado co nome, apelidos, dirección, teléfono de contacto e correo electrónico do autor.

• Lugar de presentación:
o Persoalmente na secretaría administrativa da Facultade de Historia – Edificio de Ferro - Campus Universitario - 32004 Ourense.
o Por correo postal á citada dirección.
Concurso Fotográfico “Dalle Vida ao teu Patrimonio”

Prazo
• A data límite para a aceptación das foto-relatos será o día 20 de maio.
Xurado
• O xurado estará formado pola decana, un membro do PDI, un membro do PAS e un estudante.
• A xuízo do xurado, poderá declararse o concurso deserto.
• Os membros do xurado non poderán presentarse ao concurso.
• O fallo será inapelable e publicarase o 27 de maio.

Exposición e divulgación
• Coa selección das obras presentadas realizarase unha ou varias exposicións durante o ano seguinte á resolución do concurso. Esta exposición poderá cancelarse dependendo do número e calidade das obras presentadas.
• As obras presentadas poderanse divulgar a través da web, da páxina de Facebook ou do blog da Facultade de Historia.
Premios
• Primeiro premio: un disco duro externo, de 750 gb con interfaz usb 3.0.
• Tres accésits (por determinar).

Organización
• O incumprimento das obrigas que impoñen as presentes bases poderá ser motivo de revogación dos beneficios desta convocatoria.

Para calquera dúbida podedes contactar coa Secretaría do Decanato da Facultade de Historia no teléfono 988 387 200 (horario de 8:30 a 14:30) ou enviando un e-mail a sdefho@uvigo.es

15 abr 2013

"La Historia de una Facultad"


Cuando Mario conoció a Clío. Otra perspectiva de la Historia.


Para celebrar o día de San Isidoro a Delegación de Alumnos de Historia e ALEHOU, coa colaboración da Facultade de Historia, organizan a xornada Cuando Mario conoció a Clío. Otra perspectiva de la Historia.

Moi pronto poderedes ver o programa, pero xa se abre o prazo para a inscrición no xogo "SAN FRANCISCO EN LLAMAS" (Modificación no oficial de "Hombres lobo de Castronegro") que tera lugar para finalizar a xornada (entre as 21:30 e as 23:30).

Para mais información e inscricións: sanfranciscoenllamas@gmail.com

27 mar 2013

A réplica dixital dunha paisaxe desaparecida


Entre os conferenciantes que participarán na próxima II edición das Xornadas A Historia no Medio, que se celebrarán na Facultade de Historia de Ourense o 4-5 de Abril, teremos a oportunidade de escoitar a Enrique Cerrillo Cuenca , investigador do programa Ramón y Cajal, que desenvolve a súa labor de investigación no Instituto de Arqueología de Mérida.

A súa liña de investigación principal é o desenvolvimento das comunidades neolíticas nas terras interiores do río Tajo, sobre o que tratou a súa tese de doutoramento. O seu interese céntrase ademais en abordar este campo de estudo mediante a aplicación das tecnoloxías da información en Arqueoloxía, espacialmente a análise espacial, a fotogrametría aérea, etc.

Nos últimos tres anos ven de coordinar na provincia de Cáceres o Proxecto Alconétar.  

Non vos perdades a historia deste proxecto e de como mediante diversas fontes, fixeron rexurdir unha paisaxe hoxe anegada polas augas do pantano de Alcántara.

13 mar 2013

Visita de estudos ao Cantábrico e Meseta Norte



Dentro do Calendario de Visitas de Estudos e Prácticas de Campo do segundo cuadrimestre do curso 2012-13, A Facultade de Historia de Ourense, coa coordinación do profesor Fermín Pérez Losada, organiza unha ruta que recorrerá Asturias, Cantabroa, Burgos, Palencia e León, á busca do seu rico Patrimonio Arqueolóxico. As datas son 18-19-20-21 Abril 2013 
Se trata dunha viaxe de prácticas dirixida ás materias AArqueoloxía Aplicada (2º Grao), Arqueoloxía Clásica (5º Lic.), Prehistoria do Noroeste Peninsular (4º Grao), e Etnoloxía para Historiadores (5º Lic.), aínda que quedan 15 prazas de momento, pol oque si queredes apuntarvos tedes que facelo antes do 15 de marzo. 
Aquí podedes descargar o Programa, onde atoparedes os detalles.

9 mar 2013

A Historia a través das novas tecnoloxías


O campo das Humanidades ten unha longa tradición teórica e metodolóxica que é preciso coñecer de cara á profesionalización, pero ademais, no contexto do século XXI, está a experimentar grandes transformacións. A tecnoloxía da información e das comunicacións provoca grandes cambios tanto no proceso de ensino-aprendizaxe, como no desenvolvemento laboral profesional. Novas metodoloxías, novos contextos na creación e transferencia do coñecemento, e novas profesións que desenvolver. Dedicarse á Historia, a Arte, a Xeografía, ou a todas integradas, procura a satisfacción de diferentes demandas e acádase coa aplicación de novas e diversas metodoloxías que precisan de ser integradas nos plans de estudo pola súa diversidade e complexidade. 

En relación a estes novos campos da “Historia”, o noso centro está a desenvolver un proxecto de dinamización e adaptación da nosa disciplina aos novos escenarios e tempos. Este proxecto está a materializarse a través de organización e difusión de diversas actividades, coas que se pretende visibilizar as distintas facetas profesionais, e o perfil laboral dos estudantes da nosa facultade na sociedade actual, e que son proxectados e compartidas tamén a través dos espazos virtuais, das redes sociais e das plataformas dixitais. Desde xeito, iniciamos no curso 2012-2013 o ciclo A Historia no Medio, difundido a través da canle da UVIGO-TV, para reflexionar sobre o papel de Historia nos medios de comunicación e a construción do discurso.

Entre o próximo 4 e 5 de Abril celebraremos na Facultade de Historia do Campus de Ourense, as II Xornadas do Ciclo A Historia no Medio, que este ano levan por título A Historia a través das Novas Tecnoloxías.

O obxectivo xeral é orientar e informar aos estudantes sobre as posibilidades de desenvolvemento de futuros profesionais no ámbito do diálogo entre as Humanidades e as novas tecnoloxías, visibilizar as potencialidades e favorecer a creación de convenios para o desenvolvemento de prácticas preprofesionáis.

Nos próximos días faremosvos chegar o programa destas xornadas.

6 feb 2013

De Uruk a Asiria: arqueoloxía e Historia Antiga no berce da civilización


Do 4 ao 20 de Marzo, a arqueoloxía de oriente estará na Facultade de Historia de Ourense, coa exposición fotográfica "De Uruk a Asiria: Arqueoloxía e Historia no berce da Civilización", e a conferencia inaugural do profesor J. Luis Montero-Fenollós da Universidade da Coruña (día 4 de Marzo, ás 12, no Salón de Graos).
A exposición está acompañada dunha breve proxección audiovisual realizada por Jesús Busto, sobre a misión en Siria, os obxectivos xa conseguidos e o futuro do Proxecto Arqueolóxico medio-Éufrates sirio.
As fotografías de Eloy Taboada no Próximo Oriente ilustran o traballo da equipa de investigadores dirixida
por Juan Luis Montero-Fenollós.
A conferencia será gravada e posteriormente subida á mediateca da UVIGO-TV.