3 may 2013

Visita de estudios ás Illas Cíes e o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas



Esta visita de estudios é unha actividade formativa transversal da Facultade de Historia que ten como finalidade achegar aos participantes, mediante a práctica dunha actividade de lecer como é o sendeirismo, o rico patrimonio natural e cultural asociado ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia – Arquipelago das Illas Cíes, un dos catorce Parques Naturais Declarados que hai en España. Unha actividade de difusión coa que se pretende mellorar o seu recoñecemento presente e conservación futura, e introducir aos alumnos ás características dos Parques Naturáis.

Data e hora
Xoves 16 de maio 
O punto de saída en bus dende Ourense é o Edificio de Ferro-facultadede Historia de Ourense. 8.30 h 
O punto de saída en barco é a Estación Marítima do peirao de Vigo ás 10:15 h
Retorno de Cíes 19:45 h; Chegada a Vigo 20:45 h
Chegada aproximada a Ourense: 22.15 h

Programa: 
Chegada a CÍES (11:15 h) 
Roteiro de Mañá (11:30-14:30 h)
Distancia: 7 km 
Duración: 3 h 

Saímos cara o Areal de Figueiras onde descubriremos un complexo dunar no que se observan algunhas especies protexidas como o carrasco bravo e a camariña. Despois de case unha hora camiñando pola fermosa paisaxe da illa chegaremos A Valgada, un outeiro moi prominente na paisaxe onde se situaba o antigo queimador da illa e dende onde teremos unha ampla panorámica da contorna ao tempo que comprobaremos a adaptación da flora insular aos fortes ventos procedentes do mar. Pouco despois chegaremos ao miradoiro de Monte Agudo, un miradoiro de aves cunha fantástica perspectiva tamén da singular orografía da illa. Dende este punto observaremos os cantís onde crían aves como o cormorán mariño ou as gaivotas patiamarelas. Ademais na contorna descubriremos tamén prantas singulares como o fiuncho ou caraveis mariños que resisten un alto índice de salinidade e solos con pouco sustrato e moi rochosos como estes. Estamos na metade da ruta e no lugar máis próximo ó continente da illa, lugar onde se encontra un faro enfrontado ó de Cabo Home. Dende este punto teremos tamén unha fantástica panorámica das Rías Baixas, a Costa da Vela e a Illa de Ons ó norte. 

Xa de volta teremos unha das mellores vistas da xornada no Alto do Príncipe, dende onde podemos contemplar a labor de protección que a illa fai sobre a Ría de Vigo. Xa que logo este punto permite observar a un tempo o relevo modulado pola erosión mariña e aérea ó oeste e a zona con mellores condicións bioxeográficas ó leste. 

Xantar (14:30 h-16:00) (Levar comida)

Roteiro de Tarde (16:00-19:00 h) 
Distancia: 7 km 
Duración: 3 h 

Despois de xantar pasearemos ao carón da lagoa que separa as dúas illas (I. do Norte ou Monteagudo e I. do Medio ou do Faro). Se a visibilidade é boa ese día podemos observar unha grande variedade de peixes, crustáceos e algas. Anexa a esta encóntrase a famosa Praia de Rodas, recoñecida internacionalmente como a “mellor praia do mundo” segundo o rotativo británico The Guardian. Dende este punto observaremos a terceira illa do arquipélago (I. do Sur ou de San Martiño). 

Dende o areal comezaremos a tomar altura, remontando o castro, ata chegar o punto máis alto no Faro de Cíes. Polo camiño descubriremos a famosa Pedra da Campá, un singular monumento natural resultado da erosión do vento, e tomaremos un pouco de aire no observatorio de aves para recrearnos coa vista dos candís nos que teñen o seu niño millerios de cormoráns mariños e gaivotas.



Coordinación e equipo técnico

A ruta será coordinada por Beatriz Comendador Rey (Decana da Facultade de Historia de Ourense) e Susana Reboreda Morillo (Vicedecana da Facultade de Historia de Ourense). A guía, o acompañamento en ruta e as paradas interpretativas correrán a cargo do ambientólogo Raúl Fernández González (Bilurico Medio Ambiente) e o arqueólogo Martiño Xosé Vázquez Mato (GEAAT-UVIGO). 



Recomendacións

Recoméndase vir con roupa e calzado axeitado para camiñar e adaptado a climatoloxía do día. Especialmente unha gorra ou viseira se fai sol. Asemade recoméndase traer unha mochila con bocadillo, froita, auga, froitos secos e algo de chocolate. No caso de que o día sexa apropiado existe a posibilidade de bañarse no tempo do xantar, xa que logo neste caso engadir á mochila traxe de baño e toalla. E por suposto cámara de fotos!!

 Actividade gratuita dirixida ao alumnado e profesorado da Facultade de Historia de Ourense.
Actividade programada dentro do calendario das Visitas de Estudios do centro.


As persoas interesadas poderán inscribirse no Espazo de Coordinación do Grao na plataforma TEMA ou ben enviar un correo electrónico a sdefho@uvigo.es.
Deberase indicar: DNI, nome e apelidos, teléfono, correo electrónico, titulación e curso mais alto no que se atopa matriculado/a ou vinculación coa Facultade de Historia
antes do 7 de maio ás 14:30 h.


Fai click para descargar a Guía do Visitante
Fai click para descargar o Mapa do Parque
Fai click para descargar o Mapa das Illas Cíes

No hay comentarios:

Publicar un comentario